O Deportivo leva un derbi marcado pola expulsión de Iago Aspas
O Deportivo da Coruña impúxose con contundencia (3-1) ao Celta de Vigo no derbi galego disputado esta noite en Riazor. O resultado estivo condicionado por unha chiquillada de Iago Aspas, que deixou ao seu equipo en inferioridade numérica con todo o partido por diante e co marcador en contra.O derbi contou con tres protagonistas indiscutibles. A dous deles esperábaselles. Na previa, ex xogadores dos dous equipos sinalaban a Riki e a Iago Aspas como os nomes a seguir durante o espectáculo. O primeiro en aparecer foi o dianteiro madrileño. Controlou coa coxa e, sen deixala caer, rematou á media volta ao fondo da rede para cravar o 1-0.
Iago Aspas foi o seguinte en entrar en escena. O xenial futbolista de Moaña coñecera á súa parella de baile no partido da primeira volta de Balaídos. Carlos Marchena buscoulle as cóxegas pronto. E atopounas enseguida. Iago Aspas, o xogador con máis proxección do derbi, vendeu aos seus compañeiros á media hora de xogo ao propinarlle un cabezazo a Carlos Marchena. O árbitro enviouno ao vestiario e o Celtaquedou con dez xogadores nun dos partidos máis transcendentais de toda a tempada. Porque os derbis son máis que tres puntos. «Xóganse con mente fría e corazón quente», advertía o seu compañeiro Augusto Fernández. Non lle fixo moito caso. Restaba unha hora de partido e o Dépor, sen facer nada doutro mundo (salvo a marabilla de Riki), cabalgaba sobre un guion de ilusión: Por diante no marcador, con superioridade numérica e con Riazor envorcado.
Na outra trincheira o Celta marchaba a remolque, sen o seu mellor xogador e coa moral da tropa baixo mínimos. Ademais, os dúas centrais xogaron amoestados desde o minuto doce.
Con todo, cuado un mira desde tan abaixo e ten que remontarse tanto no tempo para rescatar a última vitoria (ante o Málaga, debut de Paciência), custa un mundo pechar os partidos. E o Dépor non logrou facerse co control do xogo. Pero o Celta apenas levou perigo á portería de Aranzubia, que xa non recordaba un día tan plácido. Porque Aspas, ademais de deixar ao seu equipo en inferioridade numérica, con Krohn-Dehli e Orellana no banco e Álex López lesionado, deixou ao Celta orfo de fútbol. E aínda que o equipo de Abel chegou a plantarse en tres cuartos coa pelota controlada, nunca soubo o que facer con ela.
O terceiro protagonista foi o que ninguén esperaba. Xa o intentou sen moito éxito na primeira parte co balón no chan.Silvio, cuestionadísimo reforzo de inverno, enganchou unha preciosa volea desde 35 metros que se coou pola escuadra de Javi Varas. O portugués, que actuou no lateral esquerdo, fixo cachizas o que restaba de derbi cun golazo de bandeira.

No hay comentarios:
Publicar un comentario